Proxecto Trebellos

Miguel A.Fernández-Martínez
Monitor de Xadrez Titulado polo Centro Internacional de Ajedrez XG
e Director do Proxecto Trebellos

Ao longo da miña experiencia como monitor de xadrez en actividades extraescolares de distintos centros de ensino públicos e privados, decateime da necesidade dun mellor aproveitamento deste xogo. Podería resumir isto no meu interese por abandonar o xadrez deportivo que na actualidade se desenvolve nos centros, por un xadrez pedagóxico no que siga presente o elemento lúdico, imprescindible para manter o seu valor como entretemento. Isto non o considero incompatible, pois cabe a posibilidade de incorporar conceptos xadrecísticos en idades temperás de forma lúdica que, posteriormente, incidan positivamente sobre un eventual proceso de afondamento na aprendizaxe do xadrez.

Froito desta experiencia e do estudo das recentes contribucións da psicopedagoxía, elaborei o Proxecto Trebellos co obxectivo de desenvolvelo, principalmente, no contexto das actividades extraescolares.

Como dicía, de xeito recente a psicopedagoxía ten recoñecido plenamente o efecto que ten a práctica do xadrez no ámbito intelectual (ao mellorar a atención e concentración, o razoamento lóxico, a creatividade e a memoria); no ámbito da personalidade do alumno (ao mellorar a autoestima, a toma de decisións e a organización); no ámbito educativo (ao mellorar o rendemento académico e a intelixencia emocional reducindo o fracaso escolar); e no ámbito social (ao fomentar o respecto, a tolerancia, a igualdade de xénero e a integración escolar).

Persoalmente destacaría de todo este conxunto de fortalezas e recursos o papel que ten o xadrez en “ensinar a pensar”, así como en adestrar as formas de “estruturar o pensamento”. Nunha sociedade da información como a que nos ten tocado vivir, onde cada un de nos pode acceder de xeito inmediato a bases de datos do coñecemento universal, considero isto un aspecto fundamental.

En definitiva, o Proxecto Trebellos busca aproveitar todo o potencial pedagóxico que pode ofrecer o xadrez no ámbito do ensino.

Comments are closed